Saltar ao contido principal

MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO MAÑÁ 13 DE DECEMBRO ÁS 19.00 HORAS NA DELEGACIÓN DA XUNTA DE GALICIA


A Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia denuncia a falta de dialogo do Conselleiro de Educación, que non se quixo reunir cos membros da Plataforma para clarificar a postura que esa Consellería ía levar á Conferencia Sectorial de Educación que se celebrou onte en Madrid, nin para recoller as propostas que esta Plataforma achegaba ao Anteproxecto da LOMCE.
É intolerable que se continúe falando “de consenso” coa comunidade educativa cando é totalmente falso, pois non existe a menor intención de coñecer as propostas que a comunidade educativa ten que facer ao devandito anteproxecto, subliñado ademáis polo abandono da Conferencia Sectorial por parte dalgunhas Comunidades Autónomas.
A Plataforma en Defensa do Ensino rexeita o anteproxecto de lei presentado onte, xa que ainda que no preámbulo se suavizan os términos nos que estaba redactado o anterior borrador, citando a equidade e a función de cohesión e integración que debe presidir a tarefa educativa así como o carácter que debe ter a educación como formadora de persoas autónomas con pensamento propio, atopámonos cun articulado que empeora notablemente o anterior e constitue unha ataque frontal ao principio da igualdade de oportunidades.
Mantéñense os aspectos do anterior borrador respecto dunha ESO segregadora, a devaluación da FP, un modelo de avaliación artellado como carreira de obstáculos, dá un salto atrás na xestión democrática dos centros educativos ao reducir a presenza das familias na mesma e retrocede na educación en valores.
Ademais o Ministerio cede ás presións de determinados sectores e recolle as súas propostas partidistas introducindo elementos distorsionadores que poden conculcar o dereito á educación e amosando un afán privatizador do ensino, o que confirma o seu profundo transfundo ideolóxico e o nulo consenso ao que se fai mención.
Esta Lei e as políticas de recortes educativos que se están aplicando terán unha nova resposta mobilizadora e contundente na rúa e nos centros educativos o vindeiro xoves, 13 de decembro, no que a Plataforma en Defensa do Ensino Público convoca unha xornada de loita con concentracións en diversos punos da comunidade autónoma e actos reivindicativos nos centros de ensino, que contarán coa participación de toda a comunidade educativa.