Saltar ao contido principal

Obradoiro para nais e pais "Porque non son cousas de nenos: do conto de fadas ao ideal romántico"

Benqueridas nais e pais,
Din que a imitación é a máis sincera forma de adulación e unha mostra diso son os nosos fillos. Temos que recoñecer que nos fascina enormemente cando a rapazada da casa utiliza a expresión que tanto empregamos ou cando vemos que aplican as nosas ensinanzas para resolveren os seus conflitos na vida cotiá. Definitivamente, somos o máis temperán dos seus referentes e, aínda que na adolescencia o esquezan, os nosos comportamentos sempre han ser para eles unha guía.
Como sociedade, tampouco o fixemos tan mal. Creamos un sistema educativo que permite que un meniño  poida soñar con chegar a ser calquera cousa e traballamos a intelixencia académica para facelo realidade, mais, onde esquecemos a aprendizaxe emocional? As persoas vivimos nun proceso constante de construción e a infancia e a adolescencia son as bases do que será algún día "o meu edificio". Sería fantástico que o día de mañá a nosa descendencia tivese unha profesión con futuro e puidese axudar os demais. Tamén estaría ben que adicasen tempo a coñecérense e que a súa felicidade só dependese de si mesmos. Que fosen capaces de vivir e crear un mundo máis igualitario a cada paso. En definitiva faceren o seu mundo mesmo un pouco mellor que o noso.
Poñémonos en contacto convosco un 25 de novembro xa que inda queda moito por facer. A violencia de xénero é unha eiva na nosa sociedade da que todos somos cómplices e vítimas ao mesmo tempo. As estatísticas non son alentadoras e é difícil ver a luz ao final do túnel. Por sorte se erguen unha miguiña a cabeza e miran a persoa que teñen diante, verán que en realidade si hai esperanza. A educación é a principal ferramenta de cambio e as novas xeracións son  a oportunidade idónea para poñer en branco a lousa e comezarmos de cero.
É por iso que vos convidamos a  participar no Obradoiro "Porque non son cousas de nenos: do conto de fadas ao ideal romántico" que se celebrará o martes. 16 de decembro (en horario de 16:00 a 18:00) e será impartido pola psicóloga especialista en xénero Amanda Díaz, obradoiro que se enmarca dentro do programa da Casa da Muller sobre Prevención na Violencia de Xénero e promoción da Igualdade.
Temos a sorte de ser a única ANPA á que o Concello ofertou este obradoiro práctico e interactivo, por mor da nosa implicación en materia de xénero e iguadade, e agardamos pola presenza de todos vós, como claves que sodes no futuro da nosa sociedade.
As inscricións faranse dende hoxe até o venres 12 de decembro por medio das seguintes vías:
Mediante correo electrónico ao enderezo:  HYPERLINK "mailto:anparosalialugo@gmail.com"anparosalialugo@gmail.com
No teléfono da ANPA: 606 12 02 58
No local da ANPA en horario de 09:00 a 09:30h e de 16:00 a 18:00h

O taller realizarase se o número de inscricións acada o aforo mínimo